A CALRE reclama, por proposta de Pilar Rojo, o mantemento de axudas europeas transitorias para as rexións que abandonen o obxectivo de converxencia

 
 
• O Plenario da Conferencia de Asembleas lexislativas de Europa insta á Comisión Europea a manter axudas económicas transitorias para as rexións que, como Galicia, superen por vez primeira o 75% do PIB medio comunitario
 
• A proposta de Rojo Noguera enmárcase na estratexia que está a desenvolver Galicia para que a nosa Comunidade poda manter fondos de transición máis aló de 2013, cando deixe de ser considerada rexión obxectivo converxencia
 
• Pilar Rojo agradece o apoio recibido polo órgano que representa aos parlamentos de 74 rexións europeas

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2011.-  O Plenario da Conferencia de Asembleas Lexislativas de Europa (CALRE) aprobou hoxe, na súa sesión final, unha declaración institucional na que, entre outros aspectos, reclama á Comisión Europea que, na súa programación plurianual, garanta axudas económicas transitorias ás rexións que abandonen por vez primeira o obxectivo de converxencia.
Esta reclamación foi engadida á declaración final como consecuencia dunha emenda defendida pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera.
 
A titular do Lexislativo galego entende que con independencia da atención que a Comisión Europea debe prestar aos países e rexións menos desenvolvidas, resulta necesario que as institucións comunitarias articulen unha categoría intermedia orientada a apoiar aos territorios que, como Galicia, abandonen por vez primeira o obxectivo de converxencia ao superar o 75% do PIB medio comunitario.
 
Esta categoría intermedia, reclamada polos presidentes dos 74 órganos lexislativos rexionais europeos integrados na CALRE, permitiría consolidar  o proceso de cohesión acometido por territorios como Galicia.
 
No debate desta proposta, Pilar Rojo argumentou que a ausencia de axudas comunitarias transitorias para as rexións que abandonan o obxectivo de converxencia  implicaría, na práctica, unha penalización aos territorios que máis destacaron, precisamente, por un uso eficiente dos fondos comunitarios.
 
Riscos dunha desaparición abrupta dos fondos europeos
Esta emenda formulada por Pilar Rojo enmárcase na estratexia que está a desenvolver Galicia para que a Comunidade poda manter fondos de transición máis aló de 2013, data na que deixará de ser considerada rexión obxectivo converxencia.
 
Unha desaparición abrupta das axudas comunitarias tería efectos negativos sobre o comportamento da economía galega e podería incidir de maneira moi negativa sobre o obxectivo de converxencia real, consistente en equiparar a renda galega co 100% da renda media comunitaria.
 
A presidenta da Cámara galega agradeceu o apoio brindado á súa proposta por parte dos integrantes do órgano que representa aos parlamentos das rexións europeas con competencias lexislativas.
 
Malia que esta foi unha das emendas máis significativas, non foi a única defendida por Pilar Rojo no debate do Plenario de CALRE, ao que tamén trasladou propostas relacionadas coa  organización e funcionamento da CALRE, entre outras.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 
 
 
 
 
 
 
 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

 
 
 

 

Imaxes relacionadas